Castelo Deporte prepara unha reestruturación do organigrama da asociación para a chegada de 2012

A directiva que saia das eleccións deste xoves reformulará o cadro de responsabilidades na entidade. O cambio na área financeira coa chegada de María Pérez será a principal novidade


Castelo Deporte prepara un novo organigrama para afrontar o ano de maior actividade da súa historia. A candidatura á directiva da asociación, que este xoves será proclamada como gañadora das eleccións ao máximo órgano de goberno, ten previsto reorganizar a estrutura da entidade para facela máis efectiva e áxil, aínda que o maior participación de todo o equipo será o obxectivo fundamental.

María Pérez Muñoz colle as rendas da xestión financeira
A nova tesoureira de Castelo Deporte será a encargada de levar todas as contas da asociación. A directiva ten previsto unificar os cargos relativos á economía da entidade para acadar os obxectivos orzamentarios previstos e reducir a débeda. A financeira será unha das tres grandes áreas que coordinará Alberto Ferreño, que repite como secretario xeral.

Comunicación divídese en tres áreas
Outra das seccións da secretaría será a de comunicación. Estará dirixida polo actual presidente da asociación, Álvaro J. Pérez Becerra, e aglutinará tres áreas, a de publicidade (que xestionará Laura Castro), a de prensa (que seguirá en mans de Pilar Mera) e a de información (que levará Laura Rodríguez). Con esta medida, Castelo Deporte pretende potenciar as diferentes áreas de difusión do traballo da asociación. O equipo de comunicación quedará así conformado por profesionais das áreas de comunicación dixital, deseño, xornalismo e marketing.

Lorenzo Domínguez, asesor no nivel máis alto
O actual tesoureiro en funcións de Castelo Deporte pasará a exercer unha tarefa de asesoramento á dirección xeral, baixo o cargo de adxunto á dirección da entidade. Domínguez participará deste xeito na toma de decisións relativa aos aspectos máis importantes do día a día da asociación.

A área de actividades funcionará a través de comisións
Alba Taboada seguirá a dirixir as actividades da asociación, e contará con Carlos Martínez, Clara Pérez e Pablo Sánchez como responsables de deportes, cultura e mocidade respectivamente. As tres áreas contarán con comisións, que organizarán o traballo derivado das súas correspondentes actividades. Deste xeito, cada comisión será a encargada de escoller o equipo encargado de organizar cada un dos eventos.

A intención da nova directiva será a de anunciar o novo organigrama na primeira xuntanza de 2012, para comezar os traballos de cara á organización da primeira actividade do ano xa sobre a nova estrutura.

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada