Os outros compromisos para 2012
CASTELODEPORTE.ORG -
5.1.12
Un paso máis adiante, onde remata a liña dos obxectivos fundamentais de Castelo Deporte, nacen outra serie de compromisos sociais que convén ter presentes e non esquecer nunca...
MEDIO AMBIENTE | A RÍA DO BURGO
A carreira que Castelo Deporte organizará no mes de maio polo paseo da ría será a mellor aportación á defensa do maior recurso natural que ten Culleredo xunto co monte Xalo. O estado de desprotección e abandono dun ecosistema de tanta importancia para a nosa contorna merece unha resposta potente por parte dos que formamos parte do tecido social da área metropolitana coruñesa. Obrigar aos responsables políticos a adquirir compromisos concretos é o obxectivo esencial.
LINGUA | O GALEGO NO NOSO DÍA A DÍA
Ademais do emprego exclusivo da lingua galega en todas as nosas comunicacións oficiais, tanto orais e escritas, a través da área de cultura procuraremos promover iniciativas para difundir a importancia de manter vivo o galego, especialmente a través da mocidade. Por outra banda, e na mesma liña de actuación do Concello de Culleredo, concordamos na importancia de normalizar desde a normalidade, sen grandes campañas, sen publicidade. Falando en galego mantemos viva a nosa lingua.
CONTRA OS RECORTES EN EDUCACIÓN, CIENCIA E INNOVACIÓN
A crise non pode ser o argumento para dar por perdidos algúns dos piares fundamentais da nosa sociedade. Participaremos de xeito activo na defensa da educación pública e de calidade, da promoción de todo proxecto de investigación científica, o mellor investimento a longo prazo.
CASTELO, NO CORAZÓN
Non deixar de lado a nosa orixe é un compromiso adquirido coa nosa parroquia. Traballamos de xeito conxunto coa Asociación de Veciños de Castelo para mellor as condicións de vida das veciñas e veciños.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)




0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada