A chegada de 2012 e o comezo dun novo exercicio de actividades na asociación Castelo Deporte ven asociada a un importante incremento no equipo de voluntarios que habitualmente participan na organización das actividades que promove a entidade cullerdense. Desde os pouco máis de vinte que conformaban o grupo en 2011, o equipo aumenta ata os trinta e dous compoñentes, o que permitirá planificar máis proxectos e desenvolvelos cunha maior eficacia, garantindo actividades de calidade técnica e organizativa ao longo de todo o ano.
Para a etapa que comeza, a asociación ten previsto poñer en práctica un sistema de comisións que permitirá organizar o traballo dun xeito máis eficaz e participativo. Desta forma, Carlos Martínez (deportes), Clara Pérez (cultura) e Pablo Sánchez (mocidade), presidirán as comisións das súas respectivas áreas, que estarán formadas por varios compoñentes do equipo, e que se reunirán de xeito periódico. A súa tarefa, sempre baixo a coordinación da directora de actividades de Castelo Deporte, Alba Taboada, será a de propoñer os equipos de organización para cada unha das actividades, validar os orzamentos e avaliar a execución dos proxectos.
As comisións parten dun plan de actividades inicial sobre o que traballar. A partir dese momento poderán nomear os equipos de organización dos diferentes eventos, que comezarán a traballar para poder presentar ao responsable de área un proxecto e un orzamento, que o director xeral da asociación e a directora de actividades valorarán. Coa aprobación do mesmo, os equipos encargaranse da organización de todas as actividades, recibindo ademais unha proposta da área de comunicación (para a promoción e difusión do evento) e outra da área de innovación (que realizará en todo caso unha serie de recomendacións para cumprir co obxectivo de modernidade e presenza das novas tecnoloxías en todas as actividades de Castelo Deporte).
Con esta nova metodoloxía de traballo a asociación adoita unha estrutura organizativa propia dunha entidade de certa magnitude, co obxectivo de compartir responsabilidades e participar dun xeito máis activo nos proxectos e actividades.





0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada